KAYA CLÍNICA, expresión en lingua changana que se traduce como a clínica das casas, é un prácticum universitario deseñado como acción de aprendizaxe-servizo que forma e entrena a súa comunidade académica en técnicas de intervención no medio urbano máis precario.

O dereito a unha "vivenda" ao que se refire o artigo 25 dos Dereitos Humanos é, para o equipo de KAYA CLÍNICA, un sistema amplo que vai máis alá da edificación chamada "fogar". Conceptos como a provisión de solo adecuado e servizos básicos como auga potable, enerxía, saneamento, tratamento de residuos, equipamentos que facilitan o desenvolvemento persoal e social (escola, saúde, dereito a reunión, acceso á cultura e ao emprendemento...) e o acceso a sistemas de transporte e comunicación, mercado de alimentos e produtos de primeira necesidade constitúen o que entendemos como vivenda.

KAYA CLÍNICA está enraizada nas universidades públicas, a Universidade Eduardo Mondlane (UEM) de Mozambique e a Universidade da Coruña (UDC) de España e financiado pola Axencia Española de Cooperación ao Desenvolvemento (AECID) e formada por grupos de activistas (estudantado e profesorado) das titulacións de arquitectura, dereito, xeografía, enxeñaría e medicina.

Obxectivos

Kaya Clinica logo

Zona de estudo

O proxecto KAYA CLÍNICA desenvólvese no barrio de George Dimitrov, límite da área suburbana de Maputo. A característica principal desta clase de tecidos é a súa reducida estrutura espacial, derivada da forma de ocupación do territorio. Aínda así a área de estudo presenta calidades urbanas suficientes para poñer en valor as súas potencialidades e impulsalas no proxecto.

O barrio ten unha área dunhas 480 hectáreas onde habitan ao redor de 41000 persoas. A zona de estudo sitúase no centro do barrio e redúcese a 100 hectáreas onde hai, aproximadamente, 2.272 construcións e unha poboación de 12.867 habitantes.

Os barrios divídense, administrativamente, en "quarteirões", o proxecto KAYA CLÍNICA desenvólvese en 51 deles facendo traballos de levantamento catastral e de asesoramento na mellora da súa delimitación.