Fotografía ponentes mesa redonda estratexías habitabilidade básica

Este xoves 8 de febreiro tivo lugar no Salón de Graos da ETS de Enxeñería, Canais e Portos a Mesa Redonda "Estratexias para a habitabilidade básica: Cooperación para o desenvolvemento de hábitat, auga e saneamento".

A mesa deu inicio con Sergio Fernández Alonso, técnico de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, falando sobre os principios de cooperación de ESF en Dereito Humano á Auga (DHA) para que as tecnoloxías estean ó servizo das persoas: que sexan tecnoloxías axeitadas, o fortalecemento multinivel (individual, comunitario, de administración local e de cunca hidrográfica), a visión global da problemática e a participación local e os grupos localizados. 

En segundo lugar interveu a técnica de Arquitectura Sen Fronteiras Galicia Lara Medín López que contou como 2.500 millóns de persoas non teñen cubertas as súas necesidades elementais de abrigo e residencia. E fixo un resumen das 5 ideas clave para tratar de reducir os déficits de vivenda:

1-Estratexias integrais de intervención

2-Busca da replicabilidade e da sinxeleza

3-Procesos participativos de deseño

4-Traballar a escala urbana dende o ámbito comunitario

5-Traballar a escala domiciliar con vivendas modelo

Continuaron Évora Barreiro Pereira, técnica de Asemblea de Cooperación pola Paz, e Marleni Polo López, técnica do Instituto de Acción Comunitaria da República Dominicana, narrando o seu traballo no municipio dominicano de Ramón Santana cas familias que viven nas comunidades arredor das plantacións de azucre en infravivendas (bateyes). E como partindo do dereito humano a unha vivenda digna e do dereito a unha vida libre de violencias machistas intentan mellorar a vida destas persoas coa construción de vivendas modulares que dispoñen de servizos básicos de baño e cociña e acceso a auga potable e o saneamento.

Matías Posada Jubín, técnico da Fundación Vicente Ferrer, falou da construción de vivendas na India, traballo que se pode ver en Vivenda digna e segura: os cimentos dun futuro mellor.

Por último, pechou a xornada Antonio Grunfeld Rius, técnico de AGARESO, empregan as ferramentas de comunicación para conseguir unha transformación social positiva a través de proxectos de Cooperación Internacional, Educación para o Cambio e Acción Social. Ensinou parte do seu traballo co trailer do documental que realizaron para Arquitectura Sen Fronteiras El Derecho a un Techito.

 

Cartel mesa redonda estratexias habitabilidade basica

Post Anterior Siguiente Post