A Coruña pública é o resultado inicial dun proxecto de investigación que ten como obxectivo realizar unha cartografía o máis precisa posible do patrimonio público no municipio da Coruña, identificando todos os terreos e edificacións de titularidade pública, diferenciando a rede de espazos de acceso público continuo e resaltando os bens patrimoniais en desuso na actualidade.
O obxectivo é proporcionar unha ferramenta libre que permita interpretar a territorialidade do público, analizando como as diferentes administracións e organismos públicos están distribuídos na cidade e cal é a súa relación cos barrios en termos de forma urbana e funcionalidade. Ademais, o proxecto ten a intención de reflexionar sobre o concepto do público na actualidade, propoñendo alternativas fronte ás tendencias de privatización. Así, foméntanse usos institucionais e populares que respondan a necesidades básicas da veciñanza, abordando cuestións como a crise ecosocial, a accesibilidade á vivenda ou o futuro dos terreos portuarios. Trátase de abrir debates e procesos que fagan máis relevante o papel do público na cidade.
Esta cartografía inicial (elaborada mediante o programa de SIX de software libre e código aberto QGIS e convertida posteriormente coa biblioteca JavaScript tamén de código aberto Leaflet) está conformada por varias capas de información que, en conxunto, abordan a complexidade dos obxectivos do proxecto intentando responder cuestións concretas como: Que é o público no municipio da Coruña desde a perspectiva urbano-catastral? Que administracións ou organismos teñen a titularidade, a competencia ou a posibilidade de uso de cada unha das súas pezas? Cal é a rede de espazos urbanos de titularidade pública e de acceso público continuo? Onde están e cales son as características dos bens patrimoniais públicos en desuso na actualidade?
As fontes de información empregadas durante o desenvolvemento deste proxecto foron as cartografías públicas, inventarios de bens patrimoniais públicos, ata 52 consultas a portais de transparencia, a administracións e múltiples organismos públicos a distintas escalas de goberno, hemeroteca ou consulta con axentes expertos/as no territorio.
Toda a información deste proxecto así coma os elementos da cartografía están dispoñibles para descarga na web: