Crónica da V Xornada de Tecnoloxía para o Ben Común

Artigo9tech Galicia jornadas proyectos

Cartaz presentacion V Xornadas TpBC

O venres 15 de novembro de 2024 tivo lugar na Escola Superior de Arquitectura da Unversidade da Coruña a V Xornada de Tecnoloxia para o Ben Común (TpBC). Reuníronse nela máis de 30 persoas entre profesores e investigadores das tres Universidades galegas e representantes das ONGs colaboradoras coa rede. Asistiron ás xornadas tamén algúns dos membros das universidades responsables das actividades de cooperación ao desenvolvemento e responsabilidade social entre as que se atopaban a Vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC Ana Ares, o Director da Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC Jesús Cendán e a Directora da Área de Equidade e Cooperación da Universidade de Vigo Henar Quintas.

A xornada foi inaugurada pola vicerreitora da UDC, o ex-director da Escola de Arquitectura e fundador da rede Artigo9tech Plácido Lizancos e a coordinadora actual da rede Acacia Naves. Ana Ares, despois de agradecer a participación e a organización da xornada, presentou as intencións da UDC en temas de tecnoloxía para o ben común, o uso do Aprendizaxe Servizo como ferramenta e a cooperación ao desenvolvemento. Pola súa banda, Plácido Lizancos deu un emocionante discurso no que reclamou a implicación como profesores e investigadoras das universidades, pero sobre todo como persoas, na construción dunha sociedade máis xusta onde todos poidamos vivir en paz e cubrir as nosas necesidades básicas. Queda moito por facer!

Momento da inauguracion con Placido Lizancos

A xornada comezou con Lorena Rilo e Henar Quintas que realizaron unha presentación da RGCUD e as actividades realizadas en 2024 e previstas para 2025. Despois, Acacia Naves presentou a rede Artigo9tech, as actividades realizadas no marco da rede en 2024 e reflexionou acerca dos obxectivos e os retos futuros da rede. No descanso gozamos dun café rodeados de exposicións que presentaban actividades e proxectos relacionados coa rede.

Acabada a parte máis institucional, pasouse á presentación de experiencias de educación para o desenvolvemento e proxectos de investigación e cooperación desde as universidades desenvoltos nos últimos dous anos. Mostráronse proxectos en liñas moi diferentes e con localizacións moi diferentes, desde A Coruña ata os campamentos de refuxiados en Mozambique. Desfrutamos das seguintes comunicacións:

  • Elena Enciso da Universidade de Málaga, de estancia nestas datas na UDC, presentou a súa investigación dos centros de internamento de emigrantes en España “A emerxencia migratoria en España. Propuesta de parámetros territoriales y de habitabilidad”

  • Marta Álvarez da EPS Ferrol presentou o proxecto “Matemáticas tanxibles: recursos 3D para a aula” no que se amosaron o deseño dun xogo imprimible que se pode imprimir cunha impresora 3D cun baixo custo e que melloran e tornan accesibles recursos da aula en centros escolares.

Momento da presentacion de Marta Alvarez

  • Iago Carro de Ergoesfera mostrou os traballos realizados con IDEGA-USC de elaboración de cartografía do patrimonio público en desuso ou infrautilizado no municipio da Coruña. Falamos aquí de transparencia, trámites para facer públicos datos das administracións e deseño dunha ferramenta que poderá utilizase para basear as reclamas de espazos públicos e comunitarios en datos reais.

  • Joaquín Suárez, profesor da Escola de Camiños da Coruña, presentou a colaboración do grupo de investigación GEAMA na xestión do drenaxe pluvial urbano de Bolivia traballando por encargo da AECID coa Administración do governo bolivariano.

  • Patricia Muñiz e Rei Takazawa presentaron a colaboración entre a Escola de Arquitectura da Coruña e do estudo de arquitectura MMASA na que desenvolveron un taller de bioconstrución co estudantado da UDC que acercou aos alumnos e alumnas o uso de materiais autóctonos e tecnoloxías apropiadas ademais das condicións de traballo da arquitectura en axuda de emerxencia e á realidade do norte de Mozambique.

  • Martina Páramos, estudante na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo contounos a súa experiencia como voluntaria do programa PCR en Honduras e como esa experiencia desemboca na realización dun TFG de cooperación no ámbito do proxecto SIROS. Trátase dun proxecto de mapeo colaborativo, posta en valor dos recursos medioambientais e denuncia ambiental.

Momento da presentacion de Martina Paramos

  • O último, Manuel Lagos que é un investigador do CITIC da UDC que está a facer unha estancia en Bélxica presentou o proxecto “Supermercado 4.0” que é una aplicación para traballar cunhas gafas de realidade virtual a autonomía persoal.

Moitas grazas a todos por participar. Foi un luxo de relatores e unha aprendizaxe para todos. Se volas perdestes, tomade nota para non perder as do ano que ven.

Previous Post Next Post