Enxeñería Sen Fronteiras, Arquitectura Sen Fronteiras e a rede Artigo9tech de investigadores para o desenvolvemento abren unha convocatoria para o financiamento de proxectos de investigación en tecnoloxías para o desenvolvemento humano (TpDH).
A convocatoria enmárcase dentro do proxecto "Tecnoloxía ao servizo do ben común, da cidadanía global e da inclusión dende escolas técnicas da Universidade galega. Fase 2", financiado pola Convocatoria de Accións de Educación para o Desenvolvemento 2023 da Xunta de Galicia.
O obxectivo desta convocatoria é promocionar a investigación en tecnoloxías para o ben común. Pretende promover contribucións multidisciplinares ao desenvolvemento e á promoción de novas tecnoloxías e enfoques técnico-científicos no campo da cooperación (local e internacional).
O PDI de calquera universidade pública galega ou centro de investigación público. Só se admite unha proposta por investigador.
Cubrindo o formulario, dispoñible ao fondo desta páxina. É preciso anexar dous ficheiros:
• CV actualizado do PDI responsable da proposta e descrición do proxecto
• Un ficheiro (texto ou folla de cálculo) que desagregue con detalle o orzamento de gastos da proposta, tendo os conceptos elixibles para financiamento (expostos máis adiante)
Prazo: É posible participar na convocatoria enviando propostas ata o 21 de xaneiro de 2024.
Os resultados do proceso de selección comunicaranse ao comezo de febreiro de 2024.
Os proxectos seleccionados deberán desenvolverse entre febreiro e outubro de 2024. Ao rematar os proxectos, o responsable deberá presentar unha breve memoria técnica e económica e os xustificantes dos gastos solicitados antes do 1 de novembro de 2024.
Para esta convocatoria destináronse fondos para un total de 8.200€.
Financiarase un máximo de 3.000,00€ por proxecto co que se poderán pagar remuneracións (bolsas persoais coa retención IRPF correspondente), gastos de mobilidade precisos para o desenvolvemento do proxecto ou material non inventariable (gastos contra factura emitida a nome de ESF). Os fondos asignados a cada proxecto transferiranse en dous pagos: 50% dos fondos despois da aceptación da axuda, e o 50% restante coa entrega da memoria técnica e económica final de execución do proxecto.
O comité de avaliación estará composto por un membro de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, un membro de Arquitectura Sen Fronteiras e dous membros da rede de investigación Artigo9Tech. O comité será paritario.
Valorarase:
• O axuste do proxecto ao concepto tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos
• A viabilidade técnica e económica do proxecto
• A participación de persoal da comunidade universitaria e da sociedade en xeral no proxecto
• A visibilidade da actividade incluíndo as actividades de difusión previstas
Para calquera dúbida sobre as condicións da convocatoria, é posible contactar co equipo responsable no enderezo: artigo9tech@cartolab.eu co obxecto "Convocatoria TpDH".