O pasado venres 1 de decembro de 2023 profesores das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo reuníronse na Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo para participar nas IV Xornadas de Tecnoloxía para o Ben Común. Estas xornadas, centradas na educación, investigación e cooperación para o desenvolvemento nas universidades galegas, serviron de plataforma para a presentación de Artigo9tech, grupo de investigación con financiamento de Cooperación Galega. O seu propósito é establecer unha rede entre profesorado e colaboradores das tres universidades galegas e da sociedade civil, co fin de promover a colaboración e iniciativas compartidas no ámbito tecnolóxico, con especial énfase na enxeñaría e arquitectura aplicadas á cooperación para o desenvolvemento.
A apertura das xornada realizouse no salón de graos da escola e contou coa participación da directora do centro, Rebeca Díaz, acompañada pola directora da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, Elena Alonso; a directora da área de Equidade e Diversidade da Universidade de Vigo, Henar Quintas, e a profesora da EET Cristina López Bravo, quen forma parte de Artigo9tech.
O colectivo desta rede está composto aproximadamente por 30 expertos en campos tan variados como enxeñaría civil, arquitectura, urbanismo e planificación, enerxía e sostibilidade, telecomunicacións, voluntariado e cooperación, socioloxía e tecnoloxías aplicadas. Participan tamén as ONGD Arquitectura Sen Fronteiras e Enxeñaría Sen Fronteiras Galicia. Estas iniciativas involucran sólidas relacións con universidades, autoridades locais e colectivos da sociedade civil en lugares como Mozambique, Honduras, Nicaragua, Senegal, Bolivia ou Guinea Bissau.
Despois da presentación da rede, levouse a cabo a exposición de diversas experiencias de cooperación emprendidas polas universidades galegas. Na representación da Universidade de Vigo, o profesor da Facultade de Ciencias do Mar e doutor en Xeografía, Gonzalo Méndez, compartiu a súa vivencia na implantación de distintas accións de emprendemento sostible en Cabo Verde, Guinea Bissau ou Mozambique. Fernando Ramallo, da Facultade de Filoloxía e Tradución, detallou un proxecto para o cal se solicitará o apoio da AECID sobre educación dixital en linguas bantús de Mozambique. Pola Universidade da Coruña, Alberto Varela, doutor en Enxeñaría Civil, relatou a súa experiencia con SIROS (aplicación para facilitar a identificación colaborativa de lugares naturais de especial interese e de vulnerabilidades ambientais no entorno de Honduras). Tamén da UDC, Patricia Muñiz, doutora arquitecta e posgrao en Cooperación Internacional, falou do proxecto que mellore as condiciones habitacionais, tanto de transición como reasentamento e realoxo, das persoas desprazadas na zona de Cabo Delgado en Mozambique.
Tamén interviron Víctor Penas, enxeñeiro de montes e coordinador do proxecto de Augas de Galicia en Mozambique dende 2013 e Mercedes Martínez, técnica de cooperación internacional do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR). Por parte da Xunta de Galicia contouse coa intervención de Carolina Diz Otero, asesora técnica en Cooperación para o Desenvolvemento e Acción Humanitaria. Pecharon a xornada Henar Quintás, directora da área de Equidade e Diversidade da UVigo, e Vanessa Míguez, da Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC.