No XXIV Día da Ciencia na Rúa CuacFm conversou con Amal Nnechachi, investigadora de Cartolab, sobre o proxecto Monelos River Revival (MonRiveR).
Este traballo de investigación de Amal está moi vinculado co documental de Ángeles Huerta Esquece Monelos. Tanto a película como o proxecto téntannos descubrir o río Monelos, un río que está soterrado baixo a cidade da Coruña e que moita xente non sabe que existe e que agora se pretende estudar a súa recuperación.
Amal considera que moitos cidadáns non coñecen que viven encima dun río. "MonRiveR é un proxecto que xorde de casualidade despois de colaborar na elaboración da película de Ángeles, na parte técnica, na recuperación de datos e na recompilación e identificación do trazado orixinal do río." (De feito, Amal aparece nos créditos de Esquece Monelos" como Enxeñeira 3.)
Amal continúa: "Eu estaba a facer nese momento un master de investigación e propuxéronme colaborar na película e que fixese a primeira parte que sería o estudo da historia dese río. Pero colaborar nesa película creou a necesidade de seguir investigando porque había moito material, había moitas cousas que se podían facer desde o punto de vista da enxeñería. A enxeñería que é a mesma que fixo que se enterrou o río. Pero, actualmente, dispoñemos de ferramentas e de directivas que poderían conducir, aínda que non sexa unha recuperación inmediata ou integral, si a facilitar o cambio ao paradigma a nivel europeo sobre a nosa relación cos ríos urbanos sobre todo polo cambio climático e a protección do medio ambiente."
Amal destaca que unha parte fundamental do proxecto é que se ten que dar a coñecer para que a xente tamén se implique. "A implicación da cidadanía en facer algo positivo pola súa cidade axudaría a que o proxecto salga adiante. É ambicioso, pero non é só un soño, podería cumprirse aínda que sexa por partes."
A xornalista de CuacFm pregúntalle a Amal como a película de Ángeles Huerta xa explica a necesidade de MonRiveR. A enxeñeira explica que aínda que ela non é a máis indicada para falar da película, desde o meu punto de vista, o documental fai un paralelismo entre o esquecemento do ser humano, a enfermidade do alzheimer e como a cidadanía esqueceu o río. "Porque como non o vemos, non sabemos que existe, xa nin se nomea. Con todo, a parte do proxecto tamén ten unha compoñente técnica importante que imos ver que opcións hai, facendo un estudo, unha simulación numérica, tomando mostras, analizando os tramos, incluso identificando ben o trazado, porque se coñece o trazado actual que ten moitas diferenzas co orixinal. As concas do río modificáronse moitísimo, daquela o caudal cambiou. Ademais, da outra compoñente do estudo que é divulgativa, que é a da participación cidadá, que a poboación poida ter a súa voz e opinión e coñecer como está o río."
Amal continúa contando algo da historia do río Monelos: "No caso da Coruña empezouse a modificar o trazado do río co correo das colonias, o peirao de San Diego encheuse e aí empezouse a modificar ao principio de todo. Logo chegaron as modificacións na estación o norte. Os ríos, primeiro canalizáronse, despois ocultáronse e iso non é só aquí na Coruña. De feito, os países que están vías de desenvolvemento están a copiar o mal que o fixemos nós. Por que? Porque é a solución máis rápida. Tamén había unha demanda para que cando teño un problema o que quero é que me busques unha solución rápida. O que pasa que agora vemos que se pode facer doutra forma, pódese convivir e o río ten valor de servizo de ecosistema, ese enfoque ecosistémico, que dá valor económico, que pode valorar economicamente os recursos naturais e todo iso témolo que impulsar para que o río teña ese valor e non só se queira ocultar para ocupar o seu sitio por vivendas ou por rúas."
Amal remarca que o que quero facer neste proxecto é estudar o río facerlle un diagnóstico completo e ver que se pode facer. "Non podo adiantarme a dicir que zonas quero abrir aquí ou alá. Hai zonas, nos arredores, que si está claro que se poden abrir de forma, digamos que a curto prazo, é viable e non implica moitos medios porque sería ir cara atrás do que se fixo nos anos 2008, que son a zona de Expo-Coruña augas arriba. Todo iso pódese descubrir porque aínda hai espazo e, de feito, o plan xeral reserva un pouquiño de espazo."
Amal volve destacar a idea que o seu obxectivo principal é coñecer o río, estudalo, ver como era. "De feito, nunha primeira formulación, das tarefas que tiña para realizar o proxecto expuxérame facer un estudo de como era a conca historicamente, incluso algún estudo hidráulico. O que pasa é que nos demos conta que a conca está tan modificada que iso non lle daría agora mesmo información. As concas están moi fragmentadas, quedou en dúas grandes concas: unha que segue vertendo no punto onde o facía en San Diego pero outra vai á depuradora de Coruña."
A Amal gustaríalle tratar de convencer á cidadanía sobre a importancia do río, non manipulala. "Hai veces que só con dar a coñecer as cousas, a xente valórao. Moita xente non sabe que existe, e outra que sabe que existe ve que é imposible recuperar nada; porque che din: xa é unha cloaca ou xa non ten nada que facer, e entón desesperámonos e non facemos nada. O que hai que facer é implicalos no estudo, darlles a coñecer como está o río. Xa hai xente que está implicada, hai grupos de cidadáns que teñen esa morriña, do río porque como se ve na película, hai persoas que se lavaban no río, que se bañaban no río. Aínda que se diga que tivese pouco caudal, iso aínda non podo aseguralo, pero non parece que tivese tan pouquiño. Non era un río moi grande pero era unha conca que para ter nun parque para pasear non necesariamente temos que ter uns caudais enormes, xa o espazo natural que temos ao redor pódese valorizar."
Amal finaliza contando que este proxecto ten financiamento para dous anos. "É modesto en canto a recursos pero ambicioso en canto a estudo. A parte técnica forma parte da miña tese doutoral, por tanto pola conta que me trae quero facelo o mellor posible."
(Adaptado da transcrición da entrevista realizada por CuacFM o 4 de maio de 2019 a Amal Nnechachi no XXIV Día dá Ciencia na Rúa)