Entre o 2 e o 6 de febreiro realizouse o mural de arte urbana do proxecto “Restauración fluvial cultural do río Monelos: difusión e valorización do río Monelos a través da arte urbana aberta á sociedade”
O traballo artístico estivo dirixido polo taller de arte urbana “vella Escola”, na rúa Montes, en fronte do IES Monelos. Este mural pretende representar ao río Monelos e á súa relación coa cidade, atendendo ao seu pasado, presente e futuro. Neste proceso creativo usáronse materiais e pinturas respectuosas co medio ambiente, e de xeito especial, usouse unha pintura fotocatalítica, que contribúe á redución da polución ambiental e á diminución de substancias contaminantes e nocivas para a saúde, transformándoas en elementos máis sinxelos e inocuos, mellorando desta maneira a pureza do aire.
Un dos obxectivos principais do proxecto é concienciar á cidadanía sobre a traxectoria histórica do río e o seu papel como servizo ecosistémico, polo que ademais da participación do alumnado do IES Monelos, calquera outra entidade ou persoa estivo invitada colaborar no acabado do mural. Este mural é unha primeira acción que pretende continuarse con novos e diversos graffitis sobre beirarrúas, prazas e fachadas de lugares por onde transcorría o curso fluvial, e que hoxe se atopa soterrado. Durante todo 2020 identificaranse diferentes espazos que por algunha razón histórica, social ou cultural sexan relevantes e poidan axudar a visualizar a presenza do río Monelos, aínda que sexa de forma gráfica.
Estas accións enmárcanse dentro do proxecto Monelos River Revival (MonRiver), impulsado desde cartoLAB (Laboratorio de Enxeñaría Cartográfica) na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña. Esta investigación, como liña de traballo dunha tese de doutoramento en marcha, definirá as metodoloxías necesarias para plantexar unha recuperación integral da conca fluvial do río Monelos. Este proxecto está subvencionado pola Fundación Alcoa e pola área de Cultura da UDC, a través dos seus orzamentos participativos.