O xoves 25 de abril proxectouse o documental “Esquece Monelos” de Ángeles Huerta. O filme conta o proceso de desaparición do río Monelos relacionándoo coa perda da memoria do lugar e das persoas que o habitaron no pasado.
A proxección do documental tivo lugar ás 12:45 na ETS de Enxeñería de Camiños, Canles e Portos do Campus de Elviña. Esta proxección serviu para introducir o proxecto " MonRiveR" (Monelos River Revival). Un proxecto de investigación que pretende definir as posibles metodoloxías de restauración do río Monelos e a posta en valor do seu curso natural nunha contorna urbana. “MonRiveR” está financiado pola Fundación Alcoa e trata de recuperar a historia do río, o seu papel como fonte de riqueza e lugar de lecer para a cidadanía e, en definitiva, concienciar á sociedade da importante relación entre a súa existencia e a identidade dunha comunidade.
O 2 de maio levarase a cabo a presentación oficial do proxecto cunha mesa-coloquio sobre o visionado deste documental.